20.9.07

Casa de Galicia de Toulouse: o ano 2006 en poucas verbas…

Comenzamos o ano cultural cunha conferencia de Xosé Antón Pérez Bouza, co tema A poesía galega de tradición oral. Tivo lugar o 21 de xaneiro de 2006 na Sala de Conferencias de Casa de España e estivo seguida dun aperitivo para todos os socios. Xosé Antón explicou a importancia da lírica de tradición oral na literatura popular galega e como serviu para para manter vivas as raíces da cultura galega, incluso nos momentos nas que esta estivo mais desfavorecida.

As conferencias de Xosé Antón Pérez Bouza, tanto as monográficas coma as de inauguración de cada acto conmemorativo das Letras Galegas, son moi apreciadas por todos nós, pois nos mostra o valor da nosa literatura dentro e fora do país e nos axuda a valorala e respetala.

O 18 de marzo, contamos coa presencia de María Rosa Lojo, que presentou o seu libro Finisterre na librería Terra Nova e posteriormente na Sala de Conferencias de Casa de España. A autora, nacida en Bos Aires, filla de españoles, falounos da emigración e dos vínculos culturais e afectivos dos fillos de emigrados co país de orixe dos seus pais. Contounos que o seu pai, galego republicano, tivo que exiliarse en Arxentina despois da guerra civil, que na súa familia sempre estivo presente a idea de voltar a España e cómo inflúe na súa obra esta “doble nacionalidade” que se crea entre a cultura da familia e a cultura do país de acollida.

Maria Rosa estaba invitada no coloquio internacional Formes et Processus transculturels en Amérique latine, organizado pola Université de Toulouse-Le-Mirail, e aproveitou a ocasión para achegarse a nosa Casa de Galicia. Días mais tarde presentou en Santiago a traducción da súa novela ao galego: A fin da terra, publicada pola editorial Galaxia.

No mes de marzo tamén, Casa de Galicia presentou outro libro: esta vez foron as nosas Actas do I Encontro de Poesía e Poéticas Galega, Occitana e Catalana. Memoria de linguas e de augas, en Marsella, no marco da colaboración co Centro Galego de Marsella.

Tamén co Centro Galego de Marsella celebramos o Día das Letras Galegas. O 13 de maio todos disfrutamos dunha cea literaria que incluiu a conferencia de Xosé Antón Pérez Bouza, co tema sobre o persoeiro do ano, a actuación do grupo folklórico “Fentos e Toxos”.

A relación que temos co Centro Galego de Marsella é moi interesante e é para nós un gran reto para o próximo ano 2007 poder reforzar os lazos que se están creando con esta asociación. Coa axuda de Maite, a presidenta marsellesa, esperamos poder crear un verdadeiro proxecto cultural compartido e facer mais intercambios cos nosos irmáns da cidade mediterránea.

No marco das celebracións das Letras Galegas, o día 19 de maio, Xosé Lois García presentounos un ineteresante traballo sobre García Lorca e Galicia, na Sala de Conferencias de Instituto Cervantes. Falou, entre outras cousas, dos famosos poemas galegos do poeta de Granada e da súa amizade con Eduardo Blanco Amor, escritor galego.

Xosé Lois García, lingüista e recoñecido poeta, vive e traballa en Cataluña, onde é un dos mais activos defensores da lingua galega. E especialista, ademais, en literatura portuguesa.

Como xa é un clásico dende hai anos, Casa de Galicia de Toulouse participou no Forom des Langues, no Capitole, os días 27 e 28 de maio. Por primeira vez na súa historia, o Forom estivo dividido en dúas xornadas, unha de apertura, con actuacións musicais, teatrais e recitais literarios, e a tradicional feira de libros cos debates e a presencia de todas as asociacións. O sábado a Capitada inaugurou unha nova forma de entender o multilingüismo e de festexar a diversidade das linguas que se poden escoitar en Toulouse e nós quixemos estar presentes: a actuación de Metátese Teatro trouxo dende Palas de Rei a un grupo de mozos entusiastas que ofreceron unha peza en galego, moi orixinal e apreciada polos nosos socios.

A continuación, saíndo dunha para meternos noutra, fixemos a Homenaxe a Ramón Chao. Esta consistiu na presentación do último libro de Ramón na librería Terra Nova, o 5 de maio, e ao día seguinte, na Sala de Conferencias de Instituto Cervantes unha serie de intervencións sobre a obra literaria e periodística de Chao.

Ignacio Ramonet (director de Le Monde Diplomatique), Michèlle Gazier (escritora, traductora e crítica literaria), Jean Alsina (catedrático da Universidade de Toulouse-Le Mirail) e Teresa Rodríguez (profesora da Universidade de Toulouse-Le Mirail) falaron dos diferentes aspectos da obra de Ramón Chao. Posteriormente, o propio Chao presentou con José María Berzosa, a histórica entrevista a Onetti. Ambos contaron despois unha morea de anécdotas da súa actividade periodística.

Esta homenaxe pechouse coa lectura de diferentes extractos da obra de Ramón Chao traducida ao galego, occitán, español e francés, e a actuación do cantoautor Roberto Sobrado.


Tras ter descansado uns días, enviamos unha representación de Casa de Galicia á Festa das Linguas de Decazeville, o 10 de xullo. Decazeville foi antiguamente unha cidade de gran actividade mineira que recolleu, en diferentes olas de emigración, moitísimos traballadores de todas as orixes e procedencias. Para conmemorar esta multiculturalidade, a asociación Mescladis celebra cada ano esta festa sobre as linguas, na que participamos este ano por primeira vez.


Parece que logo estivesemos sen facer nada durante uns meses, mais non foi tal: a organización do II Encontro de poesía e poéticas galega, occitana e catalana: Arte de Migrar levounos tempo e reclamou a nosa concentración. Quixemos destacar este ano a importancia da (e)migración e do territorio, por iso decidimos ofrecer unha homenaxe a Xosé Neira Vilas, Jordi Pere Cerdà e Bernard Lesfargues.


Comenzamos coa inauguración da exposición bibliográfica Arte de Migrar, no Atrium de la Biblothèque de l’Université de Toulouse-Le Mirail, o día 30 de novembro. Na exposición podíanse ver as obras dos autores participantes no encontro e dos autores homenaxeados, así como unha pequena exposición fotográfica sobre os tres escritores cunha pequena reseña bibliográfica.


Ao día seguinte pola mañán, na Salle du Conseil de la Présidence, Université de Toulouse-Le Mirail, leváronse a cabo unhas lecturas poéticas en homenaxe a Neira Vilas, Cerdà e Lesfargues, o que rematou os actos que se celebraron no seo da universidade, en colaboración co CADIST.


Pola tarde o encontro cambiou de escenario e trasladouse ao Instituto Cervantes. A mesa redonda Dun territorio a outro, dunha lingua a outra. Lingua e creación dende o exterior, abriu a sesión. Posteriormente, os poetas invitados recitaron as súas respectivas obras (Ursula Heinze, Vicente Araguas, Xabier Queipo, Xosé Antón Pérez Bouza – para o galego–, Bernard Lesfargues, Aurélie Lassaque, Ulrike Brummert, Joan Pèire Tardiu – para o occitán–, Manuel Costa Pau, Albert Mestres, Joan Pere Sunyer, Carme Badía – para o catalán). Como nota persoal recordaremos que Fátima recitou un dos seus poemas, de forma totalmente improvisada e diríamos que case obligada polo contexto: deberemos agradecer a Vicente Araguas a súa insistencia e a simpática presentación dos poemas de Fátima.


A tarde contou tamén coa presencia da cantante Uxía, que interpretou cancións de diversas orixes e que foi moi apreciada polo público asistente. A presencia da cantante fóra confirmada apenas uns días antes, polo que resultou unha sorpresa para a maioría dos socios.

Un xantar literario nunha péniche clausurou esta segunda bienal de poesía, o sábado 2 de decembro.


Con motivo deste II Encontro de poesía e poéticas galega, occitana e catalana: Arte de Migrar Casa de Galicia publicou unhas separatas cun exemplo da obra de Neira Vilas, Jordi Pere Cerdà e Bernard Lesfargues. Esta edición pentalingüe ten tirada limitada a 120 exemplares foi regalada aos participantes no acto e será entregada a todos os socios como conmemoración do acto.



E xa non fixemos mais nada, aparte de ir á radio, organizar un baile, escribir este boletín e facer todos os papeleos para cerrar o ano administrativo…

19.9.07

de volta / de retour / we're back !!!!

despois de tanto tempo, retomamos hoxe o noso blog.

poremos ao dia o resumo de actividades do ano pasado e faremos a lista das de 2007.

polo momento, velai vos vai unha bonita paxina web:

http://www.galiciantunes.com/

disfrutade.